Como xa ven sendo tradición, o vindeiro venres 14 de decembro, a partir das 20:00h, a Agrupación Socialista de Vilagarcía organiza o Pincho de Nadal na Casa do Pobo da cidade. Un acto de confraternización na que aproveitaremos para desexarvos unhas boas festas e bo ano 2019. Un ano fundamental para os socialistas vilagarciáns no que traballaremos para reeditar o apoio da cidadanía nos vindeiros procesos electorais.
Por outra banda, lembrámosvos que aínda seguen a venda as participacións da lotería de nadal. Este ano xogamos o número 03206.
A Comisión Executiva Municipal convídavos a participar no Pincho de Nadal e deséxavos unhas Boas Festas.
10/12/18
22/9/16
Julio Torrado encara o final de campaña con optimismo pola gran acollida amosada ao proxecto de Xoaquín F. Leiceaga: “o cambio é posible”
Despois de iniciar a campaña en Vilaxoán, o candidato do PSdeG escolleu
Carril como escenario para o seu último acto en Vilagarcía, con Cortegada como
símbolo do compromiso do PSdeG co público.
Vilagarcía de Arousa, 22 de setembro
de 2016.- O vilagarcián
Julio Torrado, número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia
pola provincia de Pontevedra, afronta o final da campaña convencido de que o
PSdeG será quen de lograr o tan necesario cambio de goberno na Xunta de
Galicia. “O domingo os cidadáns temos que escoller entre dous modelos: a
continuidade das políticas do PP caracterizadas por un constante e consciente
deterioro dos servizos públicos, ou abrir unha nova etapa de cambio e progreso
encabezada por Xoaquín F. Leiceaga como Presidente da Xunta de Galicia, capaz
de reverter a grave situación de parálise na que Feijóo instalou a Galicia”,
afirma o candidato do PSdeG.
Julio Torrado escolleu o pobo de Carril como escenario do seu último acto
electoral en Vilagarcía. O encontro celebrarase na Alameda de Carril ás 20:00
h, coa Illa de Cortegada como cortina de fondo. “A Illa de Cortegada é o mellor
exemplo do compromiso do PSdeG co conxunto da cidadanía, non cos intereses
privados como adoita facer o PP. Esta xoia natural de Carril estaba en mans
privadas ata que un goberno do PSdeG, encabezado por Emilio Pérez Touriño,
decidiu que un espazo destas características tiña que ser 100% público e
pertencer a todo o pobo de Carril”, recordou Julio Torrado. Neste senso indicou
que “a Illa de Cortegada é a perfecta metáfora dos diferentes xeitos de
entender a política entre o PP e o PSOE”.
Asemade, o candidato do PSdeG, Julio Torrado, destacou a importancia que
ten para Vilagarcía que Xoaquín F. Leiceaga sexa a próximo Presidente da Xunta
de Galicia. “Como vimos amosando e denunciando durante toda a campaña, o
Partido Popular, nun exercicio de deslealdade institucional ata o de agora
inédito, utiliza tanto a Xunta de Galicia como o Porto de Vilagarcía para o
bloqueo sistemático de proxectos estratéxicos para o futuro de Vilagarcía, como
é a construción do novo centro de saúde na antiga Comandancia ou a rexeneración
da nosa Ría, da que viven milleiros de familia tanto en Vilagarcía como en toda
a comarca de Arousa”. “Estou convencido de que Xoaquín F. Leiceaga será a
vindeiro Presidente da Xunta de Galicia, inaugurando unha nova etapa nas
relacións entre Xunta de Galicia, Porto e Concello de Vilagarcía capaz de dar
un impulso definitivo ao desenvolvemento de Vilagarcía e do conxunto da comarca
mediante o fortalecemento dos principais servizos públicos e da activación de
plans de reactivación económica que contribúan a reducir as actuais cifras de
desemprego, principal preocupación da inmensa maioría dos galegos”.
20/9/16
O PSdeG-PSOE reclama a rexeneración da enseada dos Pasales nunha actuación da que se beneficiarían os concellos de Meaño e Sanxenxo
Icía García recorda que o Grupo Socialista no Concello de Meaño xa
denunciou os constantes vertidos á Ría nese punto e demandou a limpeza integral
do espazo
Julio Torrado defende a idoneidade do lugar para a construción dun senda
natural de alto valor natural e tamén cultural
Meaño-Sanxenxo, 20 de setembro
de 2016.- Os candidatos
do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, o sanxenxino Óscar Serantes e o
vilagarcián Julio Torrado, xuntos coas voceiras socialistas nos Concellos de
Meaño e Sanxenxo, Icía García e Coral González-Haba, visitaron a enseada dos
Pasales, unha zona fronteiriza entre os concellos de Meaño e Sanxenxo de alto
valor natural en pleno Complexo Ons-O Grove –unha Zona Especial de Conservación–,
denunciando o seu deplorable estado por mor dos continuos vertidos que afectan
ao lugar.
Icía García, Secretaria Xeral da Agrupación Local de Meaño e voceira do
PSOE nese mesmo Concello, recordou que este episodio de contaminación xa foi
denunciando a través da presentación dunha moción no Concello de Meaño no mes
do outubro do pasado ano, instando á Xunta de Galicia a que procedera á tan
necesaria limpeza e depuración da Ría nese punto. Previamente á presentación
deste moción, aprobada por unanimidade do pleno, xa fora presentada ante a
Xunta unha denuncia dos puntos de vertidos detectados na zona. “A pesar da
aprobación da moción seguimos sen ter noticias da Xunta de Galicia para
solucionar un problema tan grave, sinal do nulo interese do Partido Popular
polo saneamento da Ría máis produtiva do mundo e da que viven milleiros de
familias da comarca”, afirma Icía García.
O candidato número 3 de candidatura do PSdeG, Julio Torrado, tamén
salientou a idoneidade do lugar para a creación dunha senda natural que recorra
as dúas bandas da enseada, salientando o seu alto valor medio ambiental, na
medida en que é unha zona moi frecuentada de observación de aves. “Dende o
PSdeG apostamos pola rexeneración e valorización deste tipo de espazos dentro
dunha estratexia de preservación e xestión responsable do territorio, sobre
todo de lugares que reúnen todas as características conseguir ser una zona de
esparexemento dos habitantes da comarca de Arousa. “O valor ornitolóxico, xunto
co seu atractivo cultural –en referencia as dúas telleiras que se conservan a
ambos marxes da enseada– fan deste lugar un emprazamento ideal para a
construción desa senda natural”, destacou o representante da candidatura do
PSdeG. Neste senso, Icía García aproveitou para criticar “a telleira que se restaurou
con fondos públicos actualmente atópese dentro dunha propiedade privada,
impedindo a súa visita aos veciños de Meaño”.
O número 19 da candidatura do PSdeG pola provincia de Pontevedra e
Secretario Xeral da Agrupación Local de Sanxenxo, Óscar Serantes, sinalou a
conveniencia de estender esa senda ata a Enseada do Bao, aproveitando o potencial
do Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa
Bodeira, convencido de que o turismo verde é un valor en alza que debe
potenciarse. “Tanto os concellos de Sanxenxo e de Meaño, como a Xunta de
Galicia, deben involucrarse na rexeneración dun espazo protexido que
actualmente está a sufrir toda unha serie de vertidos incontrolados”, afirmou o
candidato do PSdeG.
14/9/16
O PSdeG-PSOE reclama a construción dun centro de día no Pazo de Vista Real en Vilanova
Jorge María recorda que o pazo adquiriuse a instancias dunha moción socialista con ese fin
Julio Torrado comprometese a realizar as xestións necesarias no Parlamento de Galicia co obxectivo de que esta demanda se faga realidade
Vilanova de Arousa, 14 de setembro de 2016.- Os candidatos do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, o vilanovés Jorge María e o vilagarcián Julio Torrado, xuntos cos concelleiros de Vilanova Sheila Ferreira e Ramón Trigo, visitaron no día de onte o Pazo de Vista Real en Vilanova, unhas instalacións adquiridas con fondos públicos que actualmente atópanse claramente desaproveitadas.
Jorge María, Secretario Xeral da Agrupación Local de Vilanova de Arousa e candidato número 21 ao Parlamento de Galicia pola provincia de Pontevedra, recordou que o Pazo de Vista Real comprouse a proposta dunha moción socialista no Pleno de Vilanova e que a idea orixinal era a habilitación dun centro de día no edificio principal do complexo. O candidato apunta a que “actualmente este privilexiado espazo está infrautilizado, sobre todo tendo en conta a gran inversión que se realizou para a súa adquisición”. Jorge María sinala que a construción do tan demandado centro de día non sería incompatible coa maioría das actividades que actualmente se realizan no Pazo e ofreceríase a Vilanova un servizo público moi necesario do que actualmente carece”. Neste senso, denuncia “a incapacidade do Alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, para xestionar ante unha administración gobernada polo seu propio partido unha infraestrutura que os vilanoveses levan demandando dende fai moito tempo”.
O candidato número 3 de candidatura do PSdeG, Julio Torrado, tamén salientou a idoneidade do Pazo de Vista Real o da súa contorna para este fin, comprometéndose a presentar as iniciativas parlamentarias necesarias para que os vilanoveses poidan gozar dun centro de día para os seus maiores do que agora mesmo carecen. Neste senso afirmou que “unha vez que Xoaquín Fernández Leiceaga sexa Presidente da Xunta, espero ter máis poder de persuasión do amosado por Gonzalo Durán ante unha Xunta de Galicia controlada polo PP”. En opinión de Julio Torrado, “o noso modelo de país non consiste en facer grandes investimentos para adquirir instalacións que despois apenas se usan, senón en esforzarnos para que eses investimentos sexan o primeiro paso para a prestación de servizos de calidade aos cidadáns”.
O número 3 do PSdeG pola provincia de Pontevedra tamén aproveitou para recordar que a xestión das políticas de benestar da Xunta de Galicia estivo marcada pola constante redución orzamentaria e polas políticas de privatización de servizos públicos, de aí que non se apostara por iniciativas como a socialista da construción dun centro de día no Pazo de Vista Real. Sen embargo, “para o PSdeG as políticas de benestar serán unha prioridade, comprometéndonos a desenvolver un modelo social que considere os coidados como aspecto central”.
6/9/16
Julio Torrado enfrontarase a un debate público e participativo sobre rexeneración democrática
O debate, no que participarán os xornalistas Xurxo Melchor e Fernando
Salgado, estará aberto a calquera tema ou pregunta formulada polo público
asistente
Vilagarcía de Arousa, 06 de setembro
de 2016.- O vilagarcián
Julio Torrado, número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia de
Pontevedra, participará nun debate sobre rexeneración democrática,
participación cidadá e representación política cos recoñecidos xornalistas
Xurxo Melchor e Fernando Salgado. O encontro terá lugar o venres día 9 de
setembro ás 20:00 horas nos bancos do Xardín de Ravella.
“Nun momento no que a unha profunda crise económica e social súmase una
crise de representación é esencial a celebración de debates que permitan un
contacto directo entre os cidadáns e aqueles que aspiramos a representalos”,
afirma Torrado, quen destaca a oportunidade do lugar e do formato do acto, xa
que os cidadáns que decidan acudir, pero tamén os que nese momento paseen polo
Xardín, poderán formular calquera cuestión relacionada cos temas a debater, sen
que exista ningunha selección previa de participantes nin de preguntas.
Julio Torrado expón que “un primeiro paso cara unha nova forma de facer
política é non agocharse nas institucións” polo que reta a Marta Rodríguez -a
outra representante de Vilagarcía con posibilidades reais de ser elixida
deputada- a participar en condicións de igualdade no debate, ofrecendo aos
vilagarciáns a oportunidade de contrastar as propostas de ambos partidos en
temas de especial trascendencia como os seleccionados. Neste sentido, Torrado
afirma que “se aspira a representar aos vilagarciáns no Parlamento de Galicia,
Marta Rodríguez debe saír da tobeira na que se agocha e explicarlle aos veciños
os reiterados incumprimentos do PP con Vilagarcía, tamén nas cuestións de
rexeneración democrática e participación cidadá”. O candidato do PSdeG tamén
lamenta a escasa presenza nas candidaturas dos restantes partidos de
vilagarciáns con opcións reais de ser elixidos e cos que poder contrastar as
solucións aos problemas dos cidadáns.
Por último, Torrado fai unha invitación aos
veciños de Vilagarcía a participar activamente neste evento, convencido de que
“a pluralidade de opinións e puntos de vista enriquece o debate político e
axuda a encontrar a solución máis axeitada ás inquedanzas dos cidadáns en
problemáticas tan importantes para o correcto funcionamento da sociedade como
as que serán tratadas neste encontro”.
24/8/16
Os socialistas de Vilagarcía configuran o seu comité de campaña para unas eleccións autonómicas que Torrado califica de “decisivas para Arousa e Galicia”
Alberto Varela manifestou a súa satisfacción pola representación e Arousa
en posicións de relevancia na candidatura, sinalando que o PP relega a
Vilagarcía ao “fondo” e outros partidos non contan con candidatos da vila
A campaña socialista será dirixida polo arqueólogo e investigador da
Universidade de Vigo Félix González
Vilagarcía de Arousa, 24 de
agosto de 2016.- Os
socialistas de Vilagarcía configuraron esta semana o seu comité de campaña para
as vindeiras eleccións autonómicas. O encargado de dirixir ao equipo do PSdeG
será o arqueólogo e investigador da Universidade de Vigo Félix González.
González, de 30 anos, forma parte da dirección local socialista e participou de
maneira activa en todos os procesos recentes do PSdeG. Julio Torrado, candidato
ao Parlamento de Galicia, valorou que “unha persoa nova, preparada, moi capaz e
con recoñecemento no seu ámbito profesional e social é precisamente o que representa
esta etapa do PSdeG. Por iso Félix é unha persoa ideal para coordinar esta
campaña na que os socialistas queremos ofrecer á cidadanía a oportunidade de
apostar por unha sociedade nova, que de unha resposta nova aos problemas
actuais de desigualdade e falta de oportunidades na nosa terra.”
A comarca de Arousa ten catro persoas que integran a candidatura (Julio
Torrado, de Vilagarcía, no número 3; Marta Giráldez, de Meis, no número 6;
Óscar Serantes, de Sanxenxo, no número 19; Jorge María, de Vilanova, no número
21), e Torrado apuntou que “Arousa ten unha importancia especial para os
socialistas, e dende aquí temos a responsabilidade de defender un cambio
necesario para Galicia que repercutirá en temas de relevancia. Estas son as
eleccións que falan do mar e da política pesqueira, son as eleccións que falan
de políticas de emprego, son as que falan de sanidade e educación. Eses temas
nos que as políticas de recortes do PP maltrataron á cidadanía, eliminaron a
igualdade de oportunidades e estancaron as potencialidades de Galicia, son os
que centrarán a nosa campaña. Estamos aquí para dar unha resposta e unha
alternativa”.
Alberto Varela mostrou a súa satisfacción pola presenza dos membros de
Arousa en posición de relevancia, e sinalou que o PP envía á súa candidata “ao
fondo da lista” mentres que outras forzas “non se sabe se contan con
Vilagarcía”. Varela apuntou que nestas eleccións os vilagarciáns están
decidindo sobre cuestión como un novo centro de saúde na antiga comandancia,
“que os socialistas defendemos e o PP se opón”, ou sobre a mellora da fachada
marítima con intervencións como a recuperación do Ramal para uso público, “que
o PP bloquea a través dunha presidenta do Porto á que non lle importa a cidade
onde vive”.
28/4/16
O PSdeG de Vilagarcía celebra a súa tradicional comida anual o 1 de maio e nomeará militante de honra a Faustino Laya
Os socialistas valoran a figura de Faustino Laya pola súa militancia socialista e sindical, así como a súa participación no movemento veciñal.
Vilagarcía de Arousa, 28 de abril de 2016.- O PSdeG de Vilagarcía celebrará, como cada ano, a comida anual da agrupación o vindeiro domingo 1 de maio. Os socialistas, que previamente participarán na manifestación do día do traballador, reuniranse posteriormente nunha celebración xa tradicional que terá lugar no restaurante Acebo ás 14.30h.
A xuntanza anual trae consigo o nomeamento de militante de honra a algunha persoa da agrupación que, pola súa traxectoria política e persoal, é destacada cada ano. Este nomeamento recaeu nos últimos anos en Seso Giráldez, Rosina Villaverde, José Recuna e Manuel Rodríguez Cuervo. Este ano, a comisión executiva decidiu distinguir a Faustino Laya Torreiro con esa mención.
Faustino Laya foi un dos primeiros militantes do Partido Socialista en Vilagarcía, e foi concelleiro na primeira lexislatura municipal despois do franquismo, formando parte do equipo que encabezou José Recuna, quen foi elexido alcalde. A súa implicación no Partido Socialista foi sempre constante, e dende a executiva socialista valorouse a súa disposición plena sempre para participar e colaborar coas distintas direccións e compañeiros. A súa última participación activa, dentro de equipos de dirección, foi como membro da comisión executiva municipal que encabezou Tania García, de 2008 a 2012. Non entanto, os socialistas valoraron tamén en gran medida a implicación sindical de Faustino Laya, que foi secretario comarcal de Arousa da UGT, dende a Federación de traballadores do metal. Confirmaron xa a súa participación na homenaxe varios compañeiros de UGT, quenes tamén queren participar deste recoñecemento. Ademáis, Laya é perfectamente recoñecido no movemento veciñal, no que participou de maneira activa dende sempre, sendo ata hai pouco tempo presidente da asociación de veciños de Trabanca Badiña, onde reside. Tamén é parte do colectivo representante da terceira idade de Vilagarcía.
A agrupación socialista de Vilagarcía chega a esta xuntanza con un Alberto Varela quen, tras lanzar o ano pasado o órdago de que volvería este ano como Alcalde, quixo destacar que “son compañeiros como Faustino Laya os que fan da nosa agrupación unha organización viva, activa, implicada e comprometida totalmente con Vilagarcía, i ese valor creo que é un dos que permitiu que hoxe podamos estar dirixindo un Concello dende a cercanía e o diálogo coa sociedade, gracias a que así o aprendimos de compañeiros como el.” Miro Serén, secretario xeral local, apostou ademáis porque “o feito de contar con compañeiros como Faustino que coñecen por vivencia tan comprometida o partido, o sindicato ou as asociacións veciñais, permítenos sentir que estamos conectados con unha realidade difícil pero que é a sociedade para a que traballamos e, por tanto, á que temos que estar constantemente vinculados. Faustino representa a conexión dos socialistas coa sociedade na que vivimos.”
Suscribirse a:
Entradas (Atom)